PLAN DE HOSTALARÍA SEGURA

 

Modificación da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia

 

Engádese un número 5 ao punto terceiro da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

Deberán distribuírse no local de xeito homoxéneo as mesas e cadeiras posibles dentro da porcentaxe máxima de uso interior establecida dispoñible, evitando a súa concentración en espazos concretos, especialmente naqueles establecementos que dispoñen de varias salas ou comedores. Nos casos en que se dispón de varias salas ou comedores, a superficie dos que permanezan sen uso non computarán para os efectos do cálculo da capacidade interior do establecemento.

 

Introdúcese un punto sétimo bis na Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte redacción:

Requisitos aplicables nos establecementos que teñan título municipal habilitante de restaurante que utilicen a opción de ampliar o seu horario de peche máis alá do horario estipulado para os restantes establecementos de hostalaría:

 

Os establecementos que teñan título municipal habilitante de restaurante que utilicen a opción de ampliar o seu horario de peche máis alá do horario estipulado para os restantes establecementos de hostalería exclusivamente para o servizo de ceas, de acordo co establecido na Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, deberán cumprir os seguintes requisitos:

 

1. A xestión da ocupación das mesas para o servizo de ceas deberá levarse a cabo mediante a reserva ou citación previa.

 

2. Co obxectivo de facilitar o seguimento de contactos ante casos positivos de COVID- 19, levarase un rexistro dos clientes do servizo de ceas que inclúa nome e apelidos, DNI e número de teléfono; a persoa responsable do establecemento terá a obriga de custodialo durante polo menos un mes despois do evento, coa información do contacto dispoñible para as autoridades sanitarias e cumprindo coas normas de protección de datos de carácter persoal.

 

3. Garantirase a correcta ventilación do local que se obxectivará a través da utilización de dispositivos medidores de CO2, que deberán dispor dunha pantalla que mostre os niveis de CO2 en tempo real nunha zona visible para os usuarios. Estes dispositivos deberán levar a marcación CE.

 

A localización do medidor deberá axustarse ás indicacións técnicas aplicables e ter en conta o tamaño e a forma do espazo, as súas entradas de aire e o fluxo da ventilación. Non se situarán preto das xanelas, portas ou outros puntos de ventilación.

 

No caso de sistemas mecánicos de ventilación, débese asegurar en todo caso o nivel de CO2 interior e persoal cualificado documentará o mantemento adecuado e as actuacións realizadas.

 

Tanto nos casos de ventilación natural coma nos de mecánica ou mixta, non se deberán superar no interior as 800 p.p.m. de concentración de CO2, será responsabilidade do local adoptar as medidas precisas de renovación do aire para que non se supere a cifra indicada.

 

Eficacia

As medidas previstas nesta orde terán efectos a partir das 00.00 do 16 de abril de 2021.
Porén, e sen prexuízo do deber de garantir a ventilación correcta do local, a obriga de utilización de dispositivos medidores de CO2 terá efectos a partir das 00.00 do día 23 de abril de 2021.