CO300C – IMPLANTACIÓN E PULO DA ESTRATEXIA DIXITAL E MODERNIZACIÓN DO SECTOR COMERCIAL E ARTESANAL
Obxecto
Regular as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, para a implantación e pulo da estratexia dixital e modernización do sector comercial e artesán neste contexto de incerteza dunha nova realidade xurdida pola pandemia, determinada polo incremento do comercio electrónico e doutras canles de comercialización como son as redes sociais, que vén imposta polos novos hábitos de consumo.
Orzamento
Destinaranse 5.000.000,00 € que poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito.
Beneficiarias
Persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas, que en todo caso cumpran, ademais, os seguintes requisitos:
1. Comerciantes retallistas:
• Desenvolver a súa actividade comercial en Galicia, con domicilio social na Comunidade Autónoma e cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. No caso de comerciantes que realicen a actividade comercial en liña, deberán ter o domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.
• Ter a condición de peme, empregando menos de vinte traballadores e non ter a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable.
• Que estean dados de alta e constitúan a actividade principal nalgunhas dos seguintes epígrafes do IAE:
– 641. Comercio polo miúdo de froitas, verduras, hortalizas e tubérculos.
– 642. Comercio polo miúdo de carnes e miúdos; de produtos derivados cárnicos elaborados: de ovos, aves, coellos de granxa, caza; e de produtos derivados deles.
– 643. Comercio polo miúdo de peixes e doutros produtos da pesca e da acuicultura e caracois.
– 644. Comercio polo miúdo de pan, pastelaría, confeitaría e similares, e de leite e produtos lácteos.
– 645. Comercio polo miúdo de viños e bebidas de todas clases.
– 647. Comercio polo miúdo de produtos alimenticios e bebidas en xeral (agás 647.4 e 647.5).
– 651. Comercio polo miúdo de produtos téxtiles, confección, calzado, peles e artigos de coiro.
– 652. Comercio polo miúdo de medicamentos, artigos de drogaría e limpeza, perfumaría e cosméticos (agás 652.1).
– 653. Comercio polo miúdo de artigos para o equipamento do fogar e a construción (agás 653.4).
– 656. Comercio polo miúdo de bens usados tales como mobles, artigos e útiles ordinarios de uso doméstico.
– 657. Comercio polo miúdo de instrumentos musicais en xeral, así como dos seus accesorios.
– 659. Outro comercio polo miúdo.
– 665. Actividades empresariais de comercio realizadas fóra do establecemento permanente: «comercio retallista por correo ou catálogo». No caso de comercio en liña, non será subvencionable a comercialización en liña de produtos ou servizos non comprendidos no ámbito de aplicación da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.
Ou tamén se actividade principal é un dos seguintes epígrafes, sempre que esteam dados de alta nalgunha actividade comercial relacionada cos anteriores:
– 255.2. Fabricante de xabóns de toucador e produtos de perfumaría.
– 253.6. Fabricante de aceites esenciais e substancias aromáticas.
– 41. Industria de produción de produtos alimenticios.
– 421. Industria de cacao, chocolate e produtos de confeitaría.
– 43. Industria téxtil.
– 44. Industria do coiro.
– 45. Industria do calzado e vestido e outras confeccións téxtiles.
• Desenvolver a actividade comercial nun establecemento comercial cunha superficie de exposición e venda igual ou inferior a 300 metros cadrados, agás que a actividade comercial se encadre na epígrafe 653.1 do IAE.
2. Obradoiros artesáns:
• Estar inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. En caso de novos obradoiros, terán de prazo ata o último día de prazo para a presentación de solicitudes para solicitar a inscrición no dito rexistro.
Non poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas en crise.
Actividades subvencionables
Cóntase cunha liña de dixitalización comercial e outra para a adquisición de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal. En ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
O solicitante poderá solicitar o pagamento anticipado, previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, de ata un 50 % da subvención concedida, coa obriga de constituír garantía no caso de subvencións superiores a 18.000,00 euros.
DIXITALIZACIÓN COMERCIAL
A porcentaxe de subvención será o 80 % dos investimentos máximos subvencionables, que será de 26.300,00 € (IVE excluído) no conxunto das actuacións. Considéranse actuacións subvencionables para comerciantes retallistas e titulares de obradoiros artesáns:
• Pulo á transformación dixital: implantación e actualización de páxinas web con venda en liña e implantación e actualización de webs comerciais.
Cuantía da axuda:
– Para a implantación de páxinas web con venda en liña, 4.000,00 € (IVE excluído).
– Para a implantación de páxina web, 1.000,00 € (IVE excluído).
– Para a actualización de páxina web, 800,00 € (IVE excluído).
Non será compatible a solicitude de actuacións de implantación de páxinas web coas de mellora.
• Optimización e axilización dos procesos comerciais: implantación de ferramentas de xestión e de sistemas integrados para a planificación de recursos empresariais comerciais e de software adecuados ás necesidades da empresa, así como as tabletas asociadas con esta actuación.
Cuantía da axuda:
– Para a implantación de ferramentas de xestión, 3.000,00 € (IVE excluído)
– Para as tabletas o investimento máximo subvencionable é de 300 € (IVE excluído).
• Actuacións de comunicación, publicidade e ferramentas de marketing 4.0, na internet ou utilizando novas tecnoloxías.
Cuantía da axuda:
Para as actuacións de comunicación, publicidade e marketing 4.0 en internet ou utilizando novas tecnoloxías, 16.000,00 € (IVE excluído) para o conxunto de todas as actuacións, cos seguintes límites:
– Actuacións de mellora de imaxe comercial dixital, 4.000,00 € e publicidade en medios dixitais, 2.000,00 € (IVE excluído).
– Marketing 4.0 en internet ou utilizando novas tecnoloxías, 6.000,00 €.
– Servizos profesionais de xestión de redes sociais (community manager), 4.000,00 € (IVE excluído).
• Actuacións de comercialización dixital: participación en eventos efémeros ou feiras dixitais, de carácter comercial ou artesanal, nacionais ou estranxeiros.
Cuantía da axuda:
Para a participación en eventos efémeros ou feiras dixitais, 1.000,00 € (IVE excluído).
• Loxística e-commerce: gastos loxísticos e de transporte de envíos en liña ao domicilio ou punto de entrega da persoa consumidora, realizados por un operador loxístico externo.
Cuantía da axuda:
O investimento máximo será de 1.000,00 € (IVE excluído).
• Loxística e-commerce sustentable no quilómetro cero: gastos loxísticos e de transporte de envíos en liña ao domicilio ou punto de entrega da persoa consumidora, realizados no quilómetro cero, con transporte sustentable (eléctrico/bicicleta).
Cuantía da axuda:
O investimento máximo será de 1.000,00 € (IVE excluído).
EQUIPAMENTOS
Considéranse actuacións subvencionables a adquisición, en réxime de propiedade, de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal, que deberán ser en todo caso de primeiro uso, en concreto:
– Maquinaria
– Ferramentas ou equipamento auxiliar, de fabricación externa cualificada, directamente relacionada coa actividade comercial ou artesanal
– Maquinaria, ferramentas ou equipamento auxiliar, de fabricación externa cualificada, directamente relacionada coa actividade comercial ou artesanal, que melloren o deseño e calidade do produto final.
Para o conxunto destas actuacións o investimento máximo subvencionable será de 10.000,00 € (IVE excluído) e a porcentaxe de subvención será o 80 %.
Non se consideran gastos subvencionables:
– A adquisición de ordenadores, dispositivos móbiles, televisores, reprodutores de son e imaxe e terminais ou lectores de TPV.
– A adquisición de maquinaria propia de procesos industriais, no caso de artesáns e a adquisición de maquinaria e instrumentos propios de servizos profesionais.
– A adquisición de materia prima da actividade artesanal.
– Os investimentos destinados a locais para uso da actividade artesanal.
– Os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.
Solicitudes
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.