PROGRAMA CHEQUES DIXITALIZACIÓN (IG300E).

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

 

Proxectos obxecto de apoio:

Estas axudas teñen como obxecto subvencionar proxectos que promovan a adaptación dos beneficiarios elixibles á situación creada polo COVID-19 mediante a Implementación efectiva de tecnoloxías dixitais en calquera das seguintes categorías:

• Sistemas de control de presenza: cámaras, sensores, sistemas de check-in/check-out.
• Sistemas de control de capacidade: cámaras, sensores, sistemas en liña sobre catálogo diario (xestión de citas), xestión de colas.
• Sistemas de control de estado sanitarios: cámaras específicas, pulseiras.
• Sistemas de control de normas de calidade COVID-19.
• Sistemas e aplicacións de xestión baseados en Low code automation.
• Sistemas de catálogos diarios efémeros; sistemas de xestión de pedidos efémeros, comandas.

• Sistemas de cartelaría electrónica para mensaxes a clientela e de emisión de contidos en xeral.
• Sistemas de notificación en móbil; sistemas de xestión de contidos electrónicos para hostalaría (menús, cartas …).
• Sistemas de balizas.

• Automatización de procesos regulados, tarefas reguladas, pasos regulados por COVID-19.
• Adaptación da presenza na internet ao efecto do COVID-19, mediante elementos como bots de conversa autónoma, integración de sistemas de comercio básicos, mellora do catálogo de produtos, solucións de atención remota, sistemas pick and go (compra en móbil e recollida en tenda) e outros similares.
• Solucións de conectividade e incorporación do teletraballo.
• Solucións de mellora da ciberseguridade.
• De xeito excepcional, outros que poidan axudar á dita adaptación, o cal se motivará na resolución de concesión.

 

Os proxectos deberán estar comprendidos entre os 1.500 € e os 12.000 € de gasto subvencionable, suxeitos aos límites entre partidas do artigo 5.


Cada entidade poderá solicitar o programa Cheques de Dixitalización COVID-19 unha única vez.

 

Beneficiarias:

Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades con centro de traballo en Galicia comprendidas nalgunha das seguintes categorías:

 

a) Microempresas (inclúe autónomos que cumpran a condición de microempresa), que desenvolvan a súa actividade nalgún dos seguintes sectores:

i. Hostalaría e turismo – CNAE 55 (servizos de aloxamento), 56 (servizos de comidas
e bebidas), 7711 (alugamento de automóbiles e vehículos de motor lixeiros), 7721 (alugamento de artigos de ocio e deportes), 79 (actividades de axencias de viaxes, operadores turísticos, servizos de reservas e actividades relacionadas con estes), 9004 (xestión de salas de espectáculos), 91 (actividades de bibliotecas, arquivos, museos e outras actividades culturais), 93 (actividades deportivas, recreativas e de entretemento).
ii. Comercio polo miúdo – CNAE 45 (venda e reparación de vehículos de motor e motocicletas) e 47 (comercio polo miúdo, excepto de vehículos de motor e motocicletas).
iii. Transporte – Rama H da CNAE (transporte e almacenamento).
iv. Perrucaría e estética persoal, tinturarías, servizos de reparación e outros – CNAE 95 (reparación de ordenadores, efectos persoais e artigos de uso doméstico), 9601 (lavado e limpeza de pezas téxtiles e de pel), 9602 (perrucaría e outros tratamentos de beleza), 9603 (pompas fúnebres e actividades relacionadas), 9604 (actividades de mantemento físico) e 9609 (outros servizos persoais n.c.n.).

v. Os seguintes epígrafes de formación: 8532 (educación secundaria técnica y profesional) e 855 (outra educación).

 

b) As seguintes entidades da economía social: sociedades cooperativas galegas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego.

 

c) Entidades do tecido asociativo empresarial e laboral, como poden ser asociacións empresariais, clústers, colexios profesionais ou cámaras.

 

Gasto subvencionable:

a) Activos dos seguintes tipos:
– Equipos informáticos, sensórica, wearables e outro equipamento electrónico.

– Licenzas de software estándar de mercado. Para comprobar que se trata dun produto, verificarase que existe unha páxina web pública dispoñible na internet onde, como mínimo, se expliquen as características do software e as condicións en que se comercializa.
– Dispositivos de conectividade cando o traballo se desenvolva nunha zona rural en que se deban realizar gastos extraordinarios para adaptar a conexión a necesidades de acceso ás redes.

 

b) Gastos de subscrición a software como servizo estándar de mercado (comprobado como no punto anterior) aboados por parte do solicitante durante o período de gasto subvencionable.
No caso de que o sistema de adquisición supere nun ano a fin do prazo de execución da axuda, o período restante descontarase do gasto subvencionable a pro rata.

 


c) Colaboracións externas encamiñadas á adaptación e personalización dos sistemas dixitais e ao adestramento sobre a súa aplicación e uso.

 


A suma do gasto subvencionable nas alíneas a) e b) non superará os 10.000 €. O máximo de gasto subvencionable na alínea c) será de 4.000 €.

Non serán subvencionables o IVE nin outros impostos recuperables.

 

Prazo de execución:

Serán subvencionables os gastos realizados entre o 15 de marzo de 2020 e a data límite de xustificación establecida na resolución de concesión.

 

Contía da axuda:

A contía da axuda será do 80%, co límite máximo de 9.600 € por empresa.

 

Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación: (Artigo 8 das bases)

Cubrir un formulario electrónico, a través da aplicación establecida no enderezo de Internet http://www.tramita.igape.es. tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda, xunto co ANEXO I.

A solicitude deberá presentarse xunto coa seguinte documentación complementaria:

a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.
b) Memoria descritiva do proxecto, que deberá ser cuberta no formulario electrónico de solicitude, e deberá conter unha descrición dos seguintes aspectos:
– Descrición da situación actual e o problema de adaptación para o que se require o proxecto.
– Especificación da solución que se adoptará e previsión de resultados.
– Plan de traballo.

 

Xustificación da subvención:

Artigo 16 das bases.