A XUNTA HABILITA UN TELÉFONO GRATUÍTO PARA RESOLVER DÚBIDAS DO SECTOR TURÍSTICO SOBRE SEGURIDADE SANITARIA.
As empresas e profesionais que o necesiten poderán chamar ao 900 815 334 de luns a venres de 10:00 a 14:00 h e de 16:00 a 20:00 horas ou enviar un correo electrónico a info-galiciadestinoseguro@xunta.gal
A Xunta habilitará desde mañá luns un teléfono gratuíto para resolver as dúbidas do sector turístico en materia de seguridade sanitaria. Así, as empresas e profesionais que o necesiten poderán chamar ao 900 815 334 de luns a venres, de 10,00 a 14,00 h e de 16,00 a 20,00 h ou enviar un correo electrónico ao enderezo info-galiciadestinoseguro@xunta.gal.
Este teléfono gratuíto permitirá dar unha resposta áxil e precisa ás cuestións formuladas polas empresas e traballadores do sector en materia hixiénico-sanitaria. O servizo porase en marcha o mesmo día en que os locais de hostalaría e restauración poderán incrementar o seu aforo ata o 50%, unha decisión que foi abordada na reunión do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) celebrada onte despois de que o Goberno central habilitase ás Comunidades na fase 2 da desescalada a modificar o aforo máximo no interior destes establecementos, fixado inicialmente no 40%, ben reducíndoo ao 30% ou ben incrementándoo ata o 50%. Xunta e sector acordaron que se dan as circunstancias para este aumento.
O servizo enmárcase no programa Galicia destino seguro para a mellora da formación, asesoramento e apoio económico ás empresas desta industria co obxectivo de favorecer a súa adaptación á nova realidade e impulsar Galicia como un destino fiable e de calidade. Precisamente, o último Consello da Xunta aprobou unha batería de axudas por case 6 M€ para que pemes e autónomos do eido turístico poidan instalar medidas de protección e adecuarse á situación actual.
Ademais, para mellorar a competencia das empresas en materia de seguridade sanitaria, botou a andar xa un plan de formación impartido polo Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) e as entidades sectoriais e provinciais cunha oferta inicial de 50.000 prazas en 500 accións formativas de carácter xeral adaptadas ás particularidades de cada subsector e área xeográfica. Trátase dun conxunto de medidas froito da colaboración e o diálogo entre administración e sector no marco do chamado Pacto por un destino seguro.
Estas iniciativas forman parte do Plan de reactivación do sector turístico, que conta cunha dotación global de 27 millóns de euros e preto de medio cento de medidas para minimizar o impacto da crise sanitaria e favorecer a súa reactivación.