BONOS ACTIVA COMERCIO
Obxectivos
O obxectivo do programa bonos Activa comercio é incentivar a demanda comercial axudando economicamente as persoas consumidoras e fomentar o consumo nos establecementos comerciais retallistas adheridos á campaña.
Actividade subvencionable
Pola presente orde subvenciónase a compra de bens, a través dos bonos Activa comercio, nos establecementos comerciais retallistas de Galicia adheridos ao programa. As vendas subvencionadas serán as realizadas no prazo de tres meses contados desde o 3 de maio.
Cada bono terá a consideración de bono desconto por un valor de 30 euros para as compras nos comercios adheridos. O importe do bono irase reducindo, ata o seu esgotamento, en función do valor da compra de acordo cos seguintes criterios:
– Desconto de 5 € en compras iguais ou superiores a 30 € e inferiores a 50 €.
– Desconto de 10 € en compras iguais ou superiores a 50 €.
Todas estas contías enténdense co IVE incluído.
Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias das axudas as persoas físicas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que realicen as actuacións establecidas no punto anterior. Para seren beneficiarias terán que tramitar as súas solicitudes conforme o establecido nesta orde.
Alta e requisitos dos comerciantes para a adhesión ao programa
Os establecementos comerciais retallistas que desexen adherirse ao programa bonos Activa comercio deberán rexistrarse a través da web https://www.bonosactivacomercio.gal e indicar a seguinte información:
• Nome e apelidos ou razón social.
• Establecemento comercial en Galicia.
• NIF ou CIF.
• Nome, apelidos e DNI ou NIE da persoa representante.
• Nome comercial.
• Enderezo do establecemento comercial.
• Número de teléfono móbil.
• Correo electrónico.
• IAE (incluído no anexo I).
• Data de alta da actividade comercial.
• Número de persoas traballadoras da empresa ou autónomo.
• IBAN da conta bancaria.
• Páxina web do establecemento comercial.
O prazo para adherirse ao programa será dun mes contado desde o 15/04/21, sen prexuízo da súa posible ampliación nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Poderán adherirse ao programa bonos Activa comercio os establecementos comerciais retallistas que cumpran, ademais, os seguintes requisitos:
a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia (establecemento comercial en Galicia) e que reúnan as condicións legalmente establecidas para o exercicio da súa actividade.
b) Que sexan persoas empresarias autónomas ou pequenas e medianas empresas de conformidade co previsto no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño.
c) Que estean dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do IAE recollidos no anexo I desta orde.
A alta e o uso da aplicación polos comerciantes suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade e protección de datos.
Os comerciantes deberán asinar dixitalmente a declaración responsable, manifestando o cumprimento das condicións establecidas e a veracidade dos datos indicados, sen prexuízo de cantas outras formalidades estean obrigados a cumprir. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá comprobar ou, de ser o caso, solicitar en calquera momento os documentos acreditativos dos mencionados requisitos.
Non se admitirán nin terán en conta as solicitudes presentadas por establecementos que non cumpran coas anteriores condicións nin coa forma establecida nesta orde.
O nome comercial e localización dos establecementos retallistas adheridos ao programa bonos Activa comercio farase público na web https://www.bonosactivacomercio.gal.
Os comerciantes adheridos ao programa recibirán cunha periodicidade semanal, na conta bancaria indicada para tal efecto, a cantidade equivalente aos bonos trocados no seu establecemento.
Presentación da solicitude dos bonos
Para a solicitude e obtención dos bonos, cada usuario deberá darse de alta na web https://www.bonosactivacomercio.gal, e indicar a seguinte información:
a) Nome e apelidos.
b) Localidade de residencia en Galicia (código postal).
c) Maioría de idade.
d) DNI ou NIE.
e) Número de teléfono móbil.
f) Correo electrónico.
O uso da páxina web e a descarga dos bonos suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade e de protección de datos.
Os usuarios deberán declarar responsablemente a veracidade dos datos indicados. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar, en calquera momento, os documentos acreditativos dos mencionados requisitos.
Así mesmo, os usuarios deberán declarar responsablemente que están ao día do cumprimento das obrigas coa Facenda Pública do Estado e a Administración autonómica, así como coa Seguridade Social
Sistema de funcionamento dos bonos
A descarga do bono pola persoa usuaria realizarase na web:
https://www.bonosactivacomercio.gal, e, nese momento, entenderase preconcedida a axuda. O bono terá formato dixital a través dun código QR e estará dispoñible para a súa utilización na APP Wallet.
Para trocar os bonos e poder facer efectivos os descontos aos consumidores e usuarios, o comerciante terá que descargar no seu móbil a APP correspondente.
No momento da compravenda, o comerciante terá que introducir na APP o importe e concepto da venda, automaticamente aparecerá o importe a cobrar (unha vez aplicado o desconto). Pola súa banda, o usuario deberá mostrar o seu bono en formato código QR e pagar, en efectivo ou con tarxeta, o importe final da compra realizada.
Obrigas dos comercios retallistas adheridos ao programa
Os establecementos comerciais adheridos ao programa bonos Activa comercio adquirirán, a través da solicitude de adherencia, as seguintes obrigas:
a) Cumprir coas medidas de prevención de riscos sanitarios e laborais fronte á COVID-19.
b) Anunciar no exterior do establecemento, nun lugar visible, a adhesión ao programa mediante a colocación dos correspondentes materiais publicitarios coa imaxe corporativa do programa bonos Activa comercio.
c) Facer o desconto directo do bono no tícket ou factura de compra emitido, de xeito que o usuario non chegue a realizar, en ningún caso, o desembolso do importe descontado.
d) Especificar por escrito na zona de caixa, de forma visible, a política de devolución establecida no punto 6 do artigo 16.
e) Someterse ás actuacións de comprobación e vixilancia necesarias por parte da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para verificar o adecuado funcionamento e xestión dos bonos e do programa en xeral.
f) Conservar durante un ano todos os tíckets de compra ou facturas xustificativas da aplicación dos bonos, en tanto podan ser obxecto de comprobación e control por parte da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.
g) Custodiar con dilixencia as claves de acceso á plataforma co fin de evitar o seu uso indebido, comprometéndose a non facilitarllas a outras persoas ou establecementos.
Condicións de uso dos bonos
Cada persoa beneficiaria disporá dun único bono que poderá ser usado nun ou en varios dos comercios retallistas adheridos ao programa.
Cada bono terá un valor de 30 €. En función do importe das compras, poderán obterse os seguintes descontos:
– Desconto de 5 € en compras iguais ou superiores a 30 € e inferiores a 50 €.
– Desconto de 10 € en compras iguais ou superiores a 50 €.
Todas estas contías enténdense co IVE incluído.
O período de validez dos bonos será de tres meses.
A través da plataforma tecnolóxica do programa, os comerciantes terán á súa disposición a información necesaria e poderán consultar o histórico das vendas, os bonos xa trocados, os aboamentos feitos pola entidade colaboradora e os demais detalles de cada operación.
O importe máximo de bonos que poderá trocar cada empresa é de 5.000,00 € (IVE incluído).
En caso de devolución do ben ou bens comprados, o importe da compra poderá ser trocado por outra compra de prezo igual ou superior ou por un vale sen caducidade polo importe correspondente. O comerciante non poderá aboar ao consumidor, en ningún caso, diñeiro en efectivo ou na tarxeta de crédito.
Non será aplicable o cambio dos bonos para as compras en liña.
Data de activación dos bonos
Os bonos estarán dispoñibles na web https://www.bonosactivacomercio.gal para a súa descarga polos usuarios a partir do 3 de maio e terán una validez de tres meses.
Vixencia do programa
O programa bonos Activa comercio estará vixente ata o 31 de decembro de 2021.
Información
Poderase obter información adicional a través da web https://www.bonosactivacomercio.gal. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012
ANEXO I
Grupos e epígrafes do IAE:
651.1. Comercio polo miúdo de produtos téxtiles, confeccións para o fogar, alfombras e similares e artigos de tapizaría.
651.2. Comercio polo miúdo de toda clase de pezas para o vestido e toucado.
651.3. Comercio polo miúdo de lenzaría e corsetería.
651.4. Comercio polo miúdo de artigos de mercería e paquetaría.
651.5. Comercio polo miúdo de pezas especiais.
651.6. Comercio polo miúdo de calzado, artigos de pel e imitación ou produtos substitutivos, cintos, carteiras, bolsos, maletas e artigos de viaxe en xeral.
651.7. Comercio polo miúdo de confeccións de peletaría.
652.2. Comercio polo miúdo de produtos de drogaría, perfumaría e cosmética, limpeza, pinturas, vernices, disolventes, papeis e outros produtos para a decoración e de produtos químicos.
652.3. Comercio polo miúdo de produtos de perfumaría e cosmética, e artigos para a hixiene e o aseo persoal.
652.4. Comercio polo miúdo de plantas e herbas en herbolarios.
653.1. Comercio polo miúdo de mobles (agás os de oficina).
653.2. Comercio polo miúdo de material e aparellos eléctricos, electrónicos, electrodomésticos e outros aparellos de uso doméstico accionados por outro tipo de enerxía distinta da eléctrica, así como de mobles de cociña.
653.3. Comercio polo miúdo de artigos de enxoval, ferraxaría, adorno, agasallo ou reclamo (incluíndo bixutería e pequenos electrodomésticos).
653.6. Comercio polo miúdo de artigos de bricolaxe.
653.9. Comercio polo miúdo doutros artigos para o equipamento do fogar NCOUP.
656. Comercio polo miúdo de bens usados tales como mobles, roupa e enxoval ordinario de uso doméstico.
657. Comercio polo miúdo de instrumentos musicais en xeral, así como dos seus accesorios.
659.1. Comercio polo miúdo de selos, moedas, medallas conmemorativas, billetes para coleccionistas, obras de arte e antigüidades, minerais soltos ou en coleccións, fósiles, insectos, cunchas, plantas e animais disecados.
659.2. Comercio polo miúdo de mobles de oficina e de máquinas e equipamentos de oficina.
659.3. Comercio polo miúdo de aparellos e instrumentos médicos, ortopédicos, ópticos e fotográficos.
659.4. Comercio polo miúdo de libros, xornais, artigos de papelaría e escritorio, e artigos de debuxo e belas artes.
659.5. Comercio polo miúdo de artigos de xoiería, reloxaría, prataría e bixutería.
659.6. Comercio polo miúdo de xoguetes, artigos de deporte, pezas deportivas de vestido, calzado e toucado, armas, cartucharía e artigos de pirotecnia.
659.7. Comercio polo miúdo de sementes, fertilizantes, flores e plantas e pequenos animais.
659.8. Comercio polo miúdo denominado sex-shop.
659.9. Comercio polo miúdo doutros produtos non especificados nesta agrupación, excepto os que deban clasificarse na epígrafe 653.9.
972.1. Servizos de barbaría de señora e cabaleiro.
972.2. Salóns e institutos de beleza e gabinetes de estética.
O enlace correcto para o rexistro de comercios nos Bonos Activa Comercio é: www.bonosactivacomercio.gal