PERDA DE EFECTOS DAS MEDIDAS ADOPTADAS PARA CONTER A PROPAGACIÓN DE INFECCIÓNS CAUSADAS POLO SARS-COV-2

DECRETO 77/2021, DO 7 DE MAIO

 

Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

 

Durante a vixencia do estado de alarma e das súas prórrogas, foron adoptadas polo presidente da Comunidade Autónoma, mediante sucesivos decretos, diversas medidas para facer fronte á crise sanitaria en Galicia. 

 

A declaración do estado de alarma afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendeuse, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020. O 29 de outubro de 2020, o Congreso dos Deputados autorizou a súa prórroga ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021.

 

De acordo co exposto, resulta oportuno dispoñer a perda de efectos a partir das 00.00 horas do día 9 de maio das medidas recollidas no Decreto 45/2021, do 17 de marzo, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria.

 

Así mesmo, tendo en conta a existencia actualmente na Comunidade Autónoma de Galicia dunha limitación da mobilidade nocturna que comeza ás 23.00 horas, para evitar a distorsión de que no día 8 de maio esta limitación produza efectos a partir desa hora para desaparecer ás 00.00 horas do día 9, resulta oportuno, así mesmo, dispoñer a perda anticipada de efectos nos concellos galegos desta medida de limitación da mobilidade nocturna con efectos das 6.00 horas do día 8 de maio, salvo nos concellos recollidos no anexo do Decreto 45/2021, do 17 de marzo, na súa redacción vixente, dado que nestes se pretende que continúe a indicada limitación a partir das indicadas 00.00 horas do día 9 de maio, de acordo co establecido na orde que se menciona no parágrafo seguinte.

 

Perda de efectos das medidas derivadas da declaración do estado de alarma

A partir das 00.00 horas do día 9 de maio perderán eficacia as medidas adoptadas no Decreto 45/2021, do 17 de marzo.

 

Perda anticipada de efectos nos concellos galegos da medida recollida no punto cuarto do Decreto 45/2021, do 17 de marzo.

A medida recollida no punto cuarto, «limitación da mobilidade nocturna», do Decreto 45/2021, do 17 de marzo, perderá efectos ás 6.00 horas do día 8 de maio, salvo nos concellos recollidos no anexo do decreto indicado, na súa redacción vixente.

 

Afrontamento da crise sanitaria por parte da Administración autonómica no pleno exercicio das súas competencias, de acordo coas potestades que lle recoñece a lexislación sanitaria e de emerxencias

O decaemento do estado de alarma debe levar consigo a adopción, das necesarias medidas de prevención que permitan seguir facendo fronte e controlando a pandemia, tendo en conta a subsistencia dunha situación de
crise sanitaria, polo que o afrontamento da crise seguirá efectuándoo en Galicia a Administración autonómica no pleno exercicio das súas competencias, de acordo coas potestades que lle recoñece a lexislación sanitaria e de emerxencias.

 

Deste modo, no marco indicado, serán aplicables as medidas contidas na Orde do 7 de maio de 2021, tendo en conta a finalización da prórroga do estado de alarma establecida polo Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, e no que sexa compatible con ela, aplicarase o disposto no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada
pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

 

Eficacia
Este decreto terá eficacia desde o momento da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.