ADHESIÓN DAS EMPRESAS TURÍSTICAS AO PROGRAMA BONO TURÍSTICO

O Bono Turístico é una tarxeta de prepagamento que que se entregará ás persoas beneficiarias que voluntariamente o soliciten e se cargará dunha soa vez cun total de 250 €, e que terá unha vixencia comprendida entre a data de entrega da tarxeta prepago pola entidade bancaria colaboradora aos beneficiarios do programa e o 13 de decembro de 2020. Poderá ser empregado nos establecementos de aloxamento turístico e axencias de
viaxes, así como nos seus servizos asociados, que se adhiran ao programa a través da presente convocatoria.

 

OBXECTO

O obxecto desta resolución é establecer o procedemento e as condicións que deben reunir os establecementos turísticos e as axencias de viaxes para a participar no programa Bono Turístico (código de procedemento TU985A).

 

REQUISITOS

Poderán solicitar a súa adhesión aquelas empresas, empresarios ou agrupacións empresariais que dispoñan de aloxamentos, excepto as vivendas de uso turístico, e tamén as axencias de viaxe que, con independencia do lugar en que radique a súa sede social, desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico na Comunidade Autónoma
de Galicia.

 

Todas estas empresas deberán estar dadas de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) no momento da publicación desta convocatoria e dispor de TPV con número de comercio que os identifiquen no servizo de pagamentos.

 

DURACIÓN

Os servizos, actividades ou produtos turísticos poden prestarse desde o día da entrega pola entidade colaboradora da tarxeta prepago aos beneficiarios e ata o 13 de decembro de 2020.

 

RELACIÓNS COAS PERSOAS BENEFICIARIAS DO PROGRAMA

As persoas beneficiarias do Bono Turístico #QuedamosenGalicia poderán consumir os servizos ofertados para este programa mediante reserva ou directamente no establecemento adherido, suxeito á dispoñibilidade deste.

 

PRAZO E FORMA DE PRESENTACIÓN DAS SOLICITUDES

Prazo: dende o 03/07/2020 ata o 13/12/2020.

Presentación: As solicitudes axustaranse ao modelo do anexo I e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Ademais da solicitude de participación, sinalada nos apartados anteriores, as empresas que presenten deberán rexistrarse na plataforma Turespazo, no caso que non o estean, https://turespazo.turismo.gal para presentar as súas ofertas específicas de:
– Aloxamentos/servizos ou produtos específicos que se oferten para a promoción do programa.
– Paquetes turísticos, no caso das axencias de viaxe.
Ditas ofertas e paquetes aparecerán na web de Turismo de Galicia nun lugar destacado so para coñecemento dos beneficiarios do programa.

 

OBRIGAS DOS SOLICITANTES

Cumprimento das medidas de prevención de riscos sanitarios e laborais establecidas pola autoridade sanitaria, laboral ou turística para a prevención de contaxios derivados da COVID-19.

Dispor dunha terminal de punto de venda (TPV) para a realización da transacción de compra do servizo ou actividade turística a través da tarxeta moedeiro Bono Turístico #QuedamosenGalicia. Para os efectos da validación da TPV, o establecemento adherido deberá facilitar o número/s de comercio de que dispoña á entidade bancaria.

Dispor dun desconto mínimo do 15 % sobre o prezo ordinario do servicio. Non obstante, o establecemento adherido poderá optar por entregar ao beneficiario do servizo, actividade ou produto turístico un agasallo ou servizo complementario, polo valor equivalente
ao dito 15 %.

 

PUBLICIDADE

Os establecementos adheridos deberán incluír en toda a documentación e soportes do programa a imaxe corporativa da Xunta de Galicia e a imaxe do programa Bono Tuístico #QuedamosenGalicia utilizándoa nos produtos e servizos turísticos ofertados.


A relación das empresas adheridas figurará na web da Axencia Turismo de Galicia xunto a produtos e/ou servizos que teñan ofertado, especificamente creados para o programa Bono Turístico #QuedamosenGalicia que oferta.

 


Información máis detallada:

TU985A Adhesión das empresas turísticas ao programa Bono Turístico #QuedamosenGalicia