COMERCIANTES DO MILLADOIRO E TUI ÚNENSE NA PROMOCIÓN DO CAMIÑO PORTUGUÉS
Na firma do convenio estivo presente o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Comercio, Ana María Núñez.
A Asociación de Comerciantes Palmira Bulevar, ubicada no Milladoiro no concello de Ames, e a Asociación de Comerciantes de Tui firmaron un convenio de colaboración para a promoción do Camiño Portugués.
O acordo pon en valor o comezo da ruta Portuguesa en terras galegas e a última etapa antes de Compostela. A firma é froito de 3 anos de conversas entre ambas as dúas entidades e inicia un traballo de promoción ao que invitan a unirse ás outras asociacións das distintas vilas polas que discorre o Camiño.
Na presentación estivo presente o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, que destacou a importancia de que dúas entidades privadas se impliquen na promoción da ruta «paréceme unha magnifica iniciativa a que levades a cabo Palmira Bulevar e Acitui en torno a algo tan fundamental como é, ademais da parte espiritual, o Camiño na súa vertente económica».
Por parte de Acitui participou o seu presidente Juan Carlos Blanco, e por parte de Palmira Bulevar o presidente, José Manuel Fernández. Ambos os dous dirixentes expresaron a súa satisfacción pola firma de este acordo que servirá para promocionar o Camiño Portugués, pensando xa no Xacobeo 2021.
As asociacións buscarán tamén informar aos peregrinos dos distintos servizos que poden atopar en Tui e Milladoiro. Así mesmo puxeron en valor o feito de ser a primeira e a última etapa do Camiño en terras Galegas, xa que o Milladoiro, como reflexa o Códice Calixtino, atópase a unha «legua» de Compostela.
PRENSA:
https://www.atlantico.net/articulo/baixo-mino/comercio-tui-vuelca-camino/20201017013805800975.html