BASES REGULADORAS DO BONO DAS PERSOAS AUTÓNOMAS (CÓDIGO DE PROCEDEMENTO TR341Q)
- Obxecto da convocatoria.
1.1. Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas do Programa do bono das persoas autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia europeo.
1.2. Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis. Isto implica que se deberá garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais; para as empresas do sector de transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000 euros durante calquera período de tres exercicio fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecida no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.
- Persoas beneficiarias.
Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:
2.1. As persoas traballadoras autónomas que estean de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade de colexio profesional, que teñan o domicilio fiscal en Galicia, que na data da solicitude teñan unha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional e que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual inferior a 30.000 euros e unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2020.
2.2. As sociedades de calquera clase e comunidades de bens con domicilio fiscal en Galicia e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que na data da solicitude teñan unha persoa autónoma societaria cunha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional.
b) Que a empresa teña unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2020.
c) Que a empresa teña unha base impoñible no imposto de sociedades da declaración realizada referida ao ano 2020 inferior a 30.000 euros (segundo o recadro 552 do imposto de sociedades). No caso de entidades que tributen en réxime de atribución de rendas, este importe de 30.000 euros referirase ao rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declaradas no IRPF da suma de todos os membros da sociedade ou comunidade de bens.
2.3. Quedan excluídos desta orde:
a) Os familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea conforme o establecido no artigo 1.3.e) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.
b) As persoas que cobrasen a axuda do bono das persoas autónomas (procedemento TR341Q) nalgunha das anteriores convocatorias.
- Subvención do bono.
3.1. Poderase conceder para a mellora da competitividade da actividade empresarial ou profesional das persoas beneficiarias desta orde, mediante pagamento anticipado, unha subvención dun 80 % da actividade que se vaia subvencionar cun límite máximo de 3.000 euros de axuda polo conxunto de actividades subvencionables, e o resto do gasto será por conta da persoa beneficiaria. A través desta axuda serán subvencionables os gastos realizados desde o 1 de xaneiro de 2022 e durante o período subvencionable, efectivamente xustificados, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á
finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, en todo caso, ata o 5 de decembro de 2022
3.2. Esta axuda terá dúas liñas de actuación:
LIÑA 1: MELLORA DA COMPETITIVIDADE A TRAVÉS DOS SEGUINTES SERVIZOS:
- Plan estratéxico do negocio.
- Plan de reorientación do negocio.
- Plan de refinanciamento.
- Plan de márketing.
- Plan de eficiencia enerxética.
- Plan de biodiversidade.
- Plan de comunicación do negocio.
- Plan de transformación dixital.
Tamén se poderán subvencionar outros estudos e plans que teñan como fin aumentar a competitividade da empresa.
Así mesmo, poderá ser computable como gasto subvencionable o pagamento do importe do cofinanciamento privado dos servizos contratados co Igape a través do programa Re-Acciona na súa convocatoria para o exercicio de 2021 e sucesivas por parte das persoas traballadoras autónomas.
LIÑA 2: MELLORA DA COMPETITIVIDADE A TRAVÉS DOS SEGUINTES INVESTIMENTOS:
- Compra de maquinaria.
- Compra e/ou instalación para a mellora da eficiencia
enerxética. - Investimentos para a substitución de combustibles fósiles ou materiais críticos ou escasos.
- Compra de utensilios e ferramentas.
- Reforma do local do negocio.
- Equipamento informático.
- Equipamento de oficina e/ou negocio.
- Rótulos.
- Aplicacións informáticas, páxinas web, apps e redes sociais.
- Deseño de marca.
Na solicitude de axudas, as liñas 1 e 2 non son excluíntes nin entre elas nin entre os distintos servizos e investimentos que as configuran. O importe máximo que se pode percibir por ambas as liñas é de 3.000 €.
No caso de reforma do local do negocio, exclúese da axuda o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma, excepto no caso en que quede acreditado que é imprescindible para o desenvolvemento da actividade do negocio.
Definicións:
Plan estratéxico do negocio. Documento que recolle as principais liñas de acción, é dicir, a estratexia, que unha organización se propón seguir a medio e longo prazo. O plan estratéxico redáctase en función dos principais obxectivos que o negocio pretende e nel especifícanse as políticas e liñas de actuación concretas orientadas á consecución dos obxectivos e os intervalos de tempo precisos que deben ser cumpridos para cada unha das accións propostas.
Plan de reorientación do negocio. Estudo e planificación da reorientación do negocio dun autónomo situado en mercados maduros e á baixa.
Plan de refinanciamento. Planificación da reestruturación do pasivo do negocio e de fontes de financiamento para novos proxectos de investimento.
Plan de márketing. O plan de márketing é un documento en formato texto ou esquemático onde se recollen todos os estudos de mercado realizados pola empresa, os obxectivos de márketing que se pretende conseguir, as estratexias que se implementarán e a planificación que se seguirá.
Plan de eficiencia enerxética. Documento que recolla as melloras destinadas a fomentar a eficiencia enerxética para reducir as emisións e o consumo final de enerxía.
Plan de biodiversidade. Documento que recolla garantías para un desenvolvemento sustentable, establecendo mecanismos que aseguren a protección e a conservación dos valores ambientais, especialmente en zonas naturais sensibles, para reducir o impacto negativo do desenvolvemento da actividade sobre o ambiente.
Plan de comunicación do negocio. Trátase dun documento que recolle as políticas, estratexias, recursos, obxectivos e accións de comunicación, tanto internas como externas, que se propón realizar no negocio. Contar cunha axuda para organizar os procesos de comunicación e guía do traballo comunicativo.
Plan de transformación dixital do negocio. Estudo e planificación do uso das novas tecnoloxías da información na operativa do negocio para mellorar a súa competitividade.
Compra de maquinaria. Conxunto de máquinas ou bens de equipameto mediante os cales se realiza a extracción ou elaboración dos produtos.
Compra e/ou instalacións para a mellora da eficiencia enerxética. Toda aquela compra de produtos e instalacións que reduzan o consumo enerxético, o que vai desde o cambio de sistemas de iluminación a cambios de maquinaria ou instalacións.
Investimentos para a substitución de combustibles fósiles ou materiais críticos ou escasos.
Enténdese por tal o cambio de máquinas e instalacións de enerxías fósiles a enerxías limpas.
Compra de utensilios e ferramentas. Conxunto de utensilios ou ferramentas que se poden utilizar autonomamente ou conxuntamente coa maquinaria, incluídos os moldes.
Reforma do local do negocio. Refírese a obras de técnica sinxela e escasa entidade construtiva e económica. Consisten normalmente en pequenas obras de mellora e reparación, decoración ou ornato, que non modifican a estrutura construtiva. Enténdese por local do negocio o centro de traballo declarado nos anexos, ou cuxa actividade sexa o comercio retallista fóra de establecementos comerciais permanentes, e outras actividades vencelladas a feiras e verbenas. Exclúese o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma excepto no caso en que quede acreditado que é imprescindible para o desenvolvemento da actividade do negocio.
Equipamento informático. Considérase equipamento informático para efectos desta orde as tabletas ou similares, ordenadores persoais de sobremesa, ordenadores portátiles, equipamentos de rede, escáneres e similares.
Equipamento de oficina e/ou mobiliario. Considerarase equipamento de oficina todo aquel elemento susceptible de ser usado nun contorno de traballo, tales como impresoras, destrutoras de papel e outros similares, e por mobiliario, o conxunto de mobles que sirvan para a actividade normal da empresa como mesas, cadeiras, andeis, mostradores e vitrinas.
Rótulos para negocios. Carteis físicos identificativos dos negocios e da súa localización, ou cuxa actividade sexa o comercio retallista fóra de establecementos comerciais permanentes, e outras actividades vencelladas a feiras e verbenas.
Aplicacións informáticas, páxinas web, apps e redes sociais. Importe satisfeito pola propiedade ou polo dereito ao uso de programas informáticos. Tamén inclúe os gastos de creación e desenvolvemento das páxinas web que a empresa adquira, sempre que a súa utilización estea prevista durante varios exercicios, a creación e desenvolvemento de apps, así como os gastos de creación e mantemento, e coa condición da previsión de utilización ao longo de varios exercicios, así como o apoio aácreación e deseño de participación nas redes sociais.
Deseño de marca. Creación de símbolo formado por imaxes ou letras/caracteres que serve para identificar un negocio e todo o relacionado con el.
En ningún caso se consideran subvencionables os teléfonos móbiles e smartphones.
Exclúense a adquisición de bens e servizos que poidan ser considerados como mercadoría pola que a empresa obteña beneficios segundo a súa actividade.
- Prazo para a presentación de solicitudes.
O prazo de presentación de solicitudes iníciase o 14 de xaneiro de 2022 e remata o 14 de febreiro de 2022.
- Solicitudes.
5.1. As solicitudes presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
5.2. A Rede de técnicos de emprego de Galicia da Consellería de Emprego e Igualdade poderá prestar asistencia efectiva ás persoas solicitantes para garantir que aquelas que carecen de medios para relacionarse telematicamente coa Administración poidan presentar no rexistro electrónico a solicitude referente a este procedemento, de acordo co previsto no artigo 13.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e co establecido no artigo 10.1.a) da Lei de administración dixital de Galicia.
- Orzamentos.
6.1. As subvencións reguladas nesta orde para o exercicio económico de 2022 financiaranse, no caso das axudas da liña 1, cun crédito de 500.000 euros, e no caso das axudas da liña 2, cun crédito de 7.500.000 de euros, tal e como figuran no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 18 de outubro de 2021, e no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU.
6.2. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.
6.3. A distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas será directamente proporcional ao número de autónomos dados de alta en cada provincia en 31 de decembro de 2020, de acordo coa seguinte porcentaxe: A Coruña, 40%; Lugo, 15%; Ourense, 11%, e Pontevedra, 34%.
No caso de que o crédito asignado a unha provincia sexa superior ao número de solicitudes presentadas, de xeito que exista remanente orzamentario, realizarase unha repartición proporcional deste entre as provincias restantes en función do número de solicitudes.
6.4. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa.
- Ligazóns relacionadas.